Thursday 19 de September de 2024

Bergondo retoma os orzamentos participativos cun investimento de 100.000 euros


· O prazo para enviar propostas finaliza o 30 de outubro e pode facerse vía Rexistro, sede electrónica, caixas de correos dos centros sociais ou por correo a correo@bergondo.gal.

· Entre as propostas viables recibidas o goberno local escollerá unha para executar no próximo exercicio.

· Premiaranse as mellores propostas cun total de 400 euros en bonos a gastar no comercio local.

O Concello de Bergondo retoma tras o parón provocado pola pandemia os seus orzamentos participativos, que alcanzan xa a quinta edición, e faio reforzando a súa aposta por este proceso, ao que destina un máximo de 100.000 euros para financiar a mellor das propostas recibidas.

Nesta ocasión o Concello decidiu darlle unha volta de porca a este sistema, buscando ampliar o abanico e que os veciños e veciñas de Bergondo teñan a posibilidade de presentar proxectos máis ambiciosos. “Optamos pola calidade en lugar da cantidade”, explican desde o goberno local, facendo referencia a que “cremos que pode ser máis produtivo que leve a cabo só un proxecto, pero que este sexa de calado, a escoller varios pero pequenos”.

Os requisitos principais para a admisión de propostas, ademais de estar empadroado ou residir en Bergondo, son: que sexan viables, que a súa execución dependa do Concello e non doutras administracións, e que teñan un interese xeral ou parroquial. “O obxectivo dos orzamentos participativos é que os veciños e veciñas participen no desenvolvemento do municipio, por iso débense evitar as propostas que só resolvan unha necesidade ou demanda moi particular”, subliñan.

De todos os xeitos, outro tipo de propostas que poidan ser interesantes pero que non se adapten a este proceso teranse en conta para incluílas noutros paquetes de investimento ou en solicitudes de subvención a outras administracións.

O prazo para presentar propostas xa está aberto

As persoas interesadas en participar poden enviar ata o 30 de outubro as súas propostas. Para iso distribuíuse un formulario cos datos necesarios a cubrir que pode ser entregado no Rexistro, a través da sede electrónica, nas caixas de correos dos centros sociais de cada parroquia ou por correo electrónico a correo@bergondo.gal.

Despois, recompilaranse todas as propostas e escollerase unha de entre as viables que se axusten aos requisitos de participación e ao orzamento de 100.000 euros destinado para este fin. O resultado publicarase na web e nas redes sociais municipais na semana do 7 ao 13 de novembro.

Ademais, premiarase ás mellores propostas con bonos para gastar no comercio local. Así, a proposta elixida levará un vale de 100 euros e as seguintes 15 mellores un de 20 euros cada unha.